Sunday 08 de September de 2024

Abegondo mellorará a eficiencia enerxética e a luminosidade do campo de fútbol do Monte, en Mabegondo


· O alcalde, José Antonio Santiso, recibiu hoxe á directora xeral de Administración Xeral, Natalia Prieto, e á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, para presentar a liña de axudas autonómicas grazas ás cales se levará a cabo a actuación.

· A intervención estará dotada dun orzamento superior a 48.000 euros e suporá a instalación de proxectores LED nas torretas e tamén a renovación da cuberta dos vestiarios.

As prestacións do campo de fútbol municipal do Monte, en Mabegondo, veranse notablemente incrementadas trala realización da nova intervención que levará a cabo o Concello. Dita actuación estará incluída na promoción de medidas de eficiencia enerxética, que serán posibles grazas á subvención concedida pola Xunta de Galicia.

En concreto, o goberno local dotará de nova iluminación, con tecnoloxía LED ao campo, aumentando así as condicións de luminosidade para a práctica deportiva, á vez que se procura o aforro enerxético e coidado do medio ambiente. A intervención suporá a substitución dos focos actuaiss, haloxenuros.

Realizarase a instalación para cada unha das catro torres de catro proxectores LED de 590 w cada un deles. Con isto conseguirase, cunha potencia eléctrica inferior á existente (na actualidade disponse de 3 lámpadas en cada torreta de 1000 w cada unha), un maior nivel de iluminación.

O outro apartado da actuación está centrado na cuberta dos vestiarios. A actual é de lousetas sobre formigón, tendo xa anos de antigüidade, o que provoca a entrada de auga.

No seu lugar, colocarase unha cuberta inclinada a base de panel sandwich. Esta tipoloxía de panel deseñouse, entre outras funcións, para actuar como illante, reducindo así o uso enerxético. Ademais a sostibilidade e eficiencia dos materiais empregados na súa fabricación, convérteno nunha das mellores opcións no que se refire a aforro e eficiencia.

O financiamento do proxecto procederá do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. O investimento ascenderá a 48.399,56 euros.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o Concello, xunto coa delegada territorial, Belén do Campo, para presentar as axudas. Xunto ao alcalde informaron das características da actuación, que será executada ao longo de 2024.

Santiso agradeceu a implicación da Xunta para acometer a mellora no campo, que ten un emprego diario tanto para adestramentos e partidos do San Tirso como para a formación das escolas municipais de fútbol.

As dirixentes autonómicas destacaron a importancia da cooperación cos pequenos concellos para o desenvolvemento de proxectos que priman a eficiencia enerxética, colaborando así coa sostibilidade e o respecto pola contorna.